O Concello tiña xa desde 1857 a idea de construír unha praza para o peixe , entre as rúas da Trinidade, Atalaia e do Cura, declarando en 1866 de utilidade pública a obra, acordándose o ensanche dalgunha de ditas rúas e a expropiación das fincas necesarias, máis  todo quedou en proxecto.

Arredor do ano 1925 rematábase a construción do Mercado de Abastos de Ribadeo  asentándose  nun lugar histórico e monumental, un dos lugares con máis identidade de Ribadeo.   Este mercado foi posible grazas a doazón dos terreos de D. Ramón González Fernández, indiano que apoiou moitas iniciativas como a Biblioteca e o Ateneo. Trátase dun edificio de estilo  «art deco», segundo deseños do arquitecto Ramiro Saíz. É un claro exemplo da arquitectura funcionalista baseada en forxados de ferro e formigón tan utilizada nas primeiras décadas do século XX e que dotaba de certa elegancia  a edificios funcionais.

Os mercados en Ribadeo

Ribadeo , configurada xa desde as súas orixes como núcleo urbano. Antes da construción da praza de abastos, os mercados situáronse noutros lugares da vila, chegando mesmo a existir varios de tipo especializado. A praza de Abaixo acolleu os primeiros mercados que a mediados do S.XIX pasaron a celebrarse na praza do Campo. Xa no século XX a praza de Abastos e o espazo que a rodea tomaron o relevo.